Wednesday 08 de May de 2024

Rueda avanza unha nova achega de máis de 33 millóns de euros para impulsar os produtos agrarios de calidade


Explica que con esta achega activaránse liñas de axudas orientadas a investir en transformar e comercializar produtos agrarios; promover o sector vitivinícola noutros mercados; cubrir os gastos de funcionamento de 24 Consellos Reguladores; e axudar á incorporación dos agricultores a réximes de calidade

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dunha nova achega de 33,2 millóns de euros para impulsar os produtos agrarios de calidade.

Durante a rolda de prensa, Rueda explicou que en total activaranse seis liñas de axudas orientadas a investir en transformar e comercializar produtos agrarios; promover o sector vitivinícola noutros mercados; cubrir os gastos de funcionamento de 24 Consellos Reguladores; axudar á incorporación dos agricultores a réximes de calidade; apoiar actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior; e financiar os programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias.

Logo de precisar que o orzamento conxunto destas seis convocatorias crece cerca dun 29% respecto a 2015, o vicepresidente do Goberno galego afirmou que este investimento parte da visión do medio rural como un todo, no que cómpre potenciar tanto as explotacións agrícolas e gandeiras como as empresas agroindustriais. Non en van estas últimas xogan o importante papel de dar valor engadido aos produtos do agro.

Así mesmo, Rueda subliñou que o sector dos produtos de calidade factura máis de 300 millóns de euros ao ano e implica a máis de 30.000 explotacións e a 900 industrias.

O vicepresidente da Xunta afirmou que o sector agrogandeiro e agroindustrial seguirá a ser unha das máximas prioridades para o Goberno galego. E, neste sentido lembrou que para incentivar a diversificación da economía do rural, hai tres semanas a Xunta aprobou unha nova liña de axudas destinada a fomentar a creación de pequenas empresas non agrícolas no rural, á que se destinou 3,5 millóns de euros; “e reducimos tamén as cargas fiscais”.